lunes, 22 de marzo de 2010

Uxío Novoneyra - Bibliografía


Novoneyra


Na súa poesía hai diferentes tipos:
· A paisaxística, á que pertencen obras como Os Eidos (1955) ou Elexías do Courel e outros poemas (1985). Trátase dunha poesía de grande complexidade, expresada en composicións que transmiten a soidade da persoa en contacto coa natureza da súa terra, o Courel.
· A poesía social, de carácter político e reivindicativo, á que pertencen os poemas: "Viet Nam canto" (canto de denuncia á guerra dos Estados Unidos en Vietnam) ou "Letanía de Galicia." A poesía social está recollida nos libros Poemas caligráficos (1978) ou Do Courel a Compostela (1988).
· Poesía amorosa, reunida no libro Muller pra lonxe (1986).
Os poemas de Novoneyra son composicións breves, de grande intensidade. Novoneyra, aínda que empezou escribindo en lingua castelá, foi un dos máis grandes escritores que deu a terra meiga (Galicia). Soubo cantar ao silencio, as néboas e as choivas como nunca ninguén o fixo antes, soubo expresar as sensacións que producen esas situacións.

CALIGRAMAS E ERGOGRAFÍAS (PINCHADE NA IMAXE)


Bibliografía

- Abrojos (1948)

- Os eidos (1955)

- "Elegias del Caurel" y otros poemas (1966)


- Poemas caligráficos (1979)

- Os Eidos. Libro do Courel (1981)

- Muller pra lonxe (1987)

- Bazterrak Os Eidos (1987)

- Do Courel a Compostela 1956-1986 (1988)

- O cubil de Xabarín (1990)

- Tempo de elexía (1991)

- Gorgorín e Cabezón (1992)

- Poemas de doada certeza i este brillo premido entre as pálpebras (1994)

- Camelio xaponés – Watsubaki (1995) (Xaponesa) (para a que Novoneyra traduciu sete versos xaponeses (xiikas) de Ayako Sugitani, á vez que esta traduciu ao xaponés tres poemas de Novoneyra)

- Betanzos: Poema dos Caneiros e Estampas (1998)

- Dos soños teimosos Noitarenga (1998)

- Ilda, o lobo, o corzo e o xabarín (1998)

- Onde só queda alguén para aguantar dos nomes (1999)

- Arrodeos e desvíos do Camiño de Santiago e outras rotas (1999)

miércoles, 17 de marzo de 2010

O fonosimbolismo en Os Eidos

O Fonosimbolismo é a evocación de sensacións non auditivas a través da
expresividade dos fonemas. É unha característica da poesía de Uxío Novoneyra e en particular da súa obra Os Eidos.

Tipos de fonosimbolismo:

-Aliteración do O e U: estes dous fonemas posteriores ou velares aparecen relacionados co tema da escuridade, coa sensación do medo e con elementos nocturnos como a curuxa e o lobo. Exemplo:
MORA o lobo no Fedo
na Lamelalonga nos prados
do Noval súa comba
da pena na Poxa
da Lomba
nos eidos máis pechos e calados
onde ninguén o oxa.
Neva no Chao do Toxedo
e nos Carboeiros.
Andan os lobos xagueiros
polas virtas do xestedo.

-Aliteración do A e E: estas vogais anteriores ou palatais transmiten un efecto de brancura e claridade. Exemplo:

MAÑAS de xeada!
Despertar co día á ventana.
Encollerse na cama
chegar a roupa á cara
i oir andar tropeando pola casa...
Canta a vaca
cas astas na'scada.

-Aliteración do fonema anterior ou palatal/i/: recorda as cousas pequenas como o piar dos paxariños. Exemplo:

A branca-Petra do Courel.
NO bicarelo do bico do brelo
canta o paxariño.
No mesmiño
bicarelo do bico do brelo.




Neste exemplo a aliteración do fonema bilabial sonoro /b/ tamén axuda a evocar o piar dos paxariños.

-Aliteración dos fonemas oclusivos xordos /p/ /t/ e /k/ axudan a reproducir certos sons. Exemplo:

CANTA o cuco cala e canta
dos castiñeiros do val.
Pasa o tempo e non di nada
e volta o cuco a cantar.

-Aliteración de fonemas fricativos coma /Ө/, /s/, /š/ e /f/ reproducen sons, tales como o zoar do vento ou o caer da chuvia. Exemplo:
ZOA o vento e relumbra polas uces.
Sai o sol e súmese nas nebras.
Polos montes baixan e ruben
sombras longas resgadas e negras...




Os lectores do noso blog e da poesía de Novoneyra poden deixar máis exemplos do fonosimbolismo no taboleiro de comentarios. Non vexades o que nos alegraremos cos vosos comentarios. Grazas.