martes, 27 de abril de 2010

Novoneyra na literatura galega

Uxío Nonoveyra forma parte da Xeración dos 50 ou das Festas Minervais. Pertencen a esta xeración os nacidos entre 1930 e 1940 polo que non chegaron a vivir a guerra, xa que tiñan unha idade moi temperá. Aínda así senten grande interese pola cultura europea da época e toman conciencia coa realidade española que lles tocou vivir. Déronse a coñecer a través de certames literarios denominados Festas Minervais, concurso celebrado en Santiago que premiaba obras de literatura en galego. Algúns colaboraron no diario santiagués La Noche e no Grupo Brais Pinto, grupo formado en Madrid en 1958 por intelectuais e escritores galegos emigrados de ideoloxía de esquerda e nacionalistas, que funda a colección Illa Nova - Galaxia- para editar as súas creacións. Podemos dicir que os autores da Xeración do 36 e os escritores de Galaxia foron os seus mestres. Os autores desta xeración tratarán diferentes temas na súa poesía, que farán incluír as súas obras dentro da corrente coñecida como Escola da Tebra, corrente formada por autores e autoras nacidas entre 1930 e 1940, que, como xa dixemos antes, non viviron tan intensamente a guerra civil, mais si sufriron as crueis consecuencias dunha interminable posguerra. A poesía que predomina é intimista -existencial cun gran pouso de pesimismo e os temas son: a morte, a soidade, a desesperanza, o paso do tempo...
Dentro desta xeración tamén falamos de Socialrealismo, iniciado por Celso Emilio Ferreiro, poesía de compromiso e denuncia social con temas como a opresión, falta de liberdade, o sentimento de Galicia ... O paisaxismo é outra corrente que destaca. Aquí os poemas falan da integración do home coa natureza, do home en plena soidade... e na que destaca Novoneyra con poemas como os que aparecen en Os Eidos.
Foi, en resumo, unha xeración moi posicionada ideoloxicamente e que asume compromisos políticos fortes encamiñados a romper co galeguismo culturalista e reconstruír o nacionalismo político activo.

TEMAS DA SÚA POESÍA:

AMOROSO:
"Muller pra lonxe"

Canto para ter favores de Venus

CÁNTOCHE aposta para ter os teus favores deusa
gran cousa é abondar o teu seo a vrao vido
namais chegarlle terte a toda ti por beira
xa señas nova e noiva de en por hoxe
xa señas diaria miña sola sempre.

Longuismo labiolingua lambe lua
sal quente e nembro a nembro atopa todo
para perdelo e volver de novo novamente
clameando chamando en chama pedindo
un novo intre aquíl tan prometido
cando eramos ninos do sol soltos polos soutos
perdidos e certismos de atoparte oh núa.





Este é un poema erótico no que Novoneyra provoca no lector sensacións visuais de movemento e posturas mediante o uso repetido de fonemas bilabiais e a distribución dos versos dependendo do seu contido, é dicir, facendo "imaxes" cos propios versos.

" Biquei..."

BIQUEI sua tristura i atopei os labios.
Na aperta prendémolo Mundo.



Este poema amoroso reflicte moita paixón. A palabra BIQUEI atópase en maiúsculas, o que lle aporta máis sentimento ao poema.

" Nada"

NADA vin ten belido
nin o outono da faia.

O poema compara a beleza dunha muller coas faias no outono, xa que esta época estaba dominada pola tristeza e as follas da faia énchena de luz e alegría. Representa a comuñón perfecta entre o home e a natureza. É un piropo moi bonito,xa que para Novoneyra as faias eran unha das súas árbores favoritas da paisaxe do seu Courel, da súa terra.

SOCIOPOLÍTICO:

"Letanía de Galicia"

GALICIA digo eu ún di GALICIA
GALICIA decimos todos GALICIA
hastr’os que calan din GALICIA
e saben sabemos

GALICIA da door chora á forza
GALICIA da tristura triste á forza
GALICIA do silencio calada á forza
GALICIA da fame emigrante á forza
GALICIA vendada cega á forza
GALICIA tapeada xorda á forza
GALICIA atrelada queda á forza

libre pra servir libre pra servir
libre pra non ser libre pra non ser
libre pra morrer libre pra morrer
libre pra fuxir libre pra fuxir

GALICIA labrega GALICIA nosa
GALICIA mariñeira GALICIA nosa
GALICIA obreira GALICIA nosa
GALICIA irmandiña
GALICIA viva inda

recóllote da TERRA estás mui fonda
recóllote do PUEBLO estás n’il toda
recóllote da HISTORIA estás borrosa

recóllote i érgote no verbo enteiro
no verbo verdadeiro que fala o pueblo
recóllote pros novos que vein con forza
pros que inda non marcou a malla d’argola
pros que saben que ti podes ser outra cousa
pros que saben que o home pode ser outra cousa

sabemos que ti podes ser outra cousa
sabemos que o home pode ser outra cousa

Este poema fala da represión que padeceu Galicia, tanto pola persecución que sufrían algunhas persoas pola súa ideoloxía, como pola opresión á que se vía sometida a súa lingua. Vémolo reflectido no poema en palabras como: calan, door, choran, tristura, silencio, vendada, cega, tapeada, xorda, atrelada, morrer, fuxir...
É un canto á liberdade dirixido á xente do común, como o demostran as palabras: labrega, mariñeira, obreira, irmandiña... palabras que recordan a realidade galega, ás persoas que facían a nosa patria e loitaban por cambiar a situación.

"Vietnan Canto"

CUMES CUMES CUMES COM’ESTES ECHEN
UNHA VEZ POR CADA MORTE
VIETNAMMMMMMMMMM
VIETNAMMMMMMVIETNAMMMMMMMMMM
VIETNAMMMMMMMMMM
metan na casa a verba na cociña na mesa na cama xa está
e calar calarcalaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaarrr
hastr’o berro que te acusa USAUSAUSAUSAUSAUSAUSA
un
morto
dous mortos
tres / trinta mortos
trescentos / tres mil mortos
OFENSIVA DO TEIT 22000 / 100000 mortos
tódalas os se volven ceros 00000000000000000000
baixo de cada un 10 / 100 / 1000 / 10000 mortos á máquina
difuntiños que a noite acolle entre cañas baixo o torbón
do monzón
na lua do TEIT

dá vergonza vivir
dá vergonza estar vivo e ver a PRIMAVERA

cándo remata un pobo?
un pobo nace sempre
non remata nuncanuncanuncanuncanuncanuncanunca
seino por vós
pobo como o meu
GALICIA pequeniña
sola cousa de todos
mortos mortos
mortos mortos
mortos mortos
mortos mortos
mortos mortos
mortos mortos
mortos mortos
mortos mortos
mortos mortos
mortos mortos
mortos mortos
mortos mortos
mortos mortos
mortos caindo polos teletipos
lúas de LI PO afondadas pra que a lus seña a A de
LIBERTÁAAAAAAAAAAAAAAAAAA
ouh cánto teño de vós pequeno que son de esta paz morta
noitenoite
partir esta n / o / i / t / e en anacos
que en cada un só quepia un home
en

entran nas cidades do SUL ESTE lonxe
e xa todas son a aldeiña dó lado
HUE SAIGON DANANG
con irmaos e parentes meus
galegos de a diario
mais que nono esqueceron como nolo esquecemos
tanto que ás veces perto chaman home
e
ollamos por quén.
non son eu tamén
quen eiquí quedo
que estou matando eilí
luxando GALICIA como luxan
KANSAS NEW JERSEY CALIFORNIA COLORADO
IOWA
nomes tan limpios?
perdón por esta paz
PAZ en carteles xunto a COCACOLA
PAZPAZPAZPAZPAZPAZPAZPAZPAZPAZPAZPAZ
pra tapar tanto tanto
muro
valeiránnolos nomes
mais inda
indainda pobo
podo decir o teu con forza
inda se pode decir o teu nome dos que alá cain
podemos
deles temos de novo nome:
home pobo
/ MARÍA MARIÑO dinamiteira da FALA /
home- pobo
home- pobo
aquíl por siglos foi un pobo como é o meu
o meu por anos foi un pobo como é aquíl
IRMANDIÑOS DE GALICIA VIETCONG
entre miña mai ANA amos iles
entre iles amor ANA ti
tres estudiantes en LUGO sin os nomes
en VIGO MÉNDEZ FERRÍN co’il
e vós MARÍA MARIÑO CHÉ bágoas 1967
non
eu sei que cantar non é igoal
perdón tamén por iste tempo cas palabras
anque sinceiras tein tarde polos lados
e puntos suspensivos calcados do refrigerados dun cañón
……………………………………………………………
o canto parou sin rematar



Este poema continúa manifestando a represión á que estaba sometida Galicia e a loita que tiveron que levar a cabo escritores e outros galegos e galegas para intentar vencer esta situación. O poeta elixe unha guerra, a guerra de Vietnam, para denunciar as atrocidasdes alí cometidas -como en todas as guerras- . Con esta "letanía" transmite as plegarias das xentes, a situación producida por esta guerra, o absurdo dun mundo que permite estas atrocidades... Isto observámolo na distribución das estrofas, na agrupación da palabra MORTOS en dúas columnas para facer máis insistente a idea de todas as vidas perdidas, na ausencia de signos de puntuación que dá unha sensación de repetición, de insistencia no tema; no uso de maiúsculas, que serven para destacar o nome dos reivindicadores da lingua galega, entre eles, María Mariño, que por ser unha das mariores representantes aparece en maiúsculas para que á hora de recitar o poema, o seu nome soe forte, como se se tratara dun berro de loita; para agradecerlle o seu labor. O poeta fai unha reivindicación da PAZ -as maiúsculas volven aparecer para destacala-e unha denuncia aos países que "prefiren" a guerra, de aí que a palabra USA a apareza reiteradamente para chamar a atención dos lectores.

PAISAXISMO OU POESÍA DA TERRA:

En Os Eidos temos exemplos de todo o que imos atopar dentro da temática paisaxísticaNovoneyra.

COUREL dos tesos cumes que ollan de lonxe!
Eiquí síntese ben o pouco que é un home...
Este poema inicia a obra e representa a unión perfecta entre o home e a natureza. Unión da que sae vencedrora sempre a última. A inmensidade da paisaxe fai que o home se sinta pequeno e só.

Neva no bico do cume
neva xa pola ladeira
neva no teito e na eira
............................................
...........................................
...........................................

Eu a ollar pro lumei o lume a ollarme.
O lume sin queimarme
fai de min fume...

Neste poema aparece un fenómeno meteorolóxico, a neve, que representa unha estación que dura moito nesta serra, como amosan os puntos suspensivos que parecen deter o tempo... Os homes, nesta época, deixan os traballos de fóra e recóllense nas casas. Aí aparece outro elemento máis, o lume, que, unha vez máis, gaña ao ser humano.

PRIMACHORROS brancos
panqueixo i amarguexos!
Argana polos barrancos!
Folla podre nos reprexos!

Alguén está
niste aire da mañá.

Cotolovíos
ouriolos tordos merleaos!
Paxaros e paxariños polos ríos
polo souto e polos chaos
e bandadas e bandadas
de estorniños polas labradas.

No poema aparecen numerosas referencias á flora e fauna do Courel, que sinalamos en verde e vermello respectivamente para que sexa máis fácil identificalos e ver como toda a paisaxe do poeta está chea de vida.

"Cousos do lobo"

COUSOS do lobo!

Caborcos do xabarín!
Eidos solos
onde ninguén foi nin ha d´ir!

O lobo! Os ollos o lombo do lobo!

Baixa o lobo polo ollo do bosco
movendo nas flairas dos teixos
ruxindo na folla dos carreiros
en busca da vagoada máis sola e máis medosa...

Rastrexa
párase e venta
finca a pouta ergue a testa e oula cara o ceo
con toda a sombra da noite na boca.

Neste poema vemos unha perfecta descrición da serra do Courel ( cousos, caborcos, bosco, teixos, ceo) na que o lobo é o rei, o amo. Novoneyra quere transmitir medo, o que consegue mediante o FONOSIMBOLISMO, que neste caso recae na repetición da vogal posterior velar O.

"O canto do paxariño"

No bicarelo do bico do brelo canta o paxariño.
No mesmiño bicarelo do bico do brelo.


Con este poema, o poeta transmite esa vida, esa alegría que contaxía o son dos paxariños anegando toda a natureza de luz.

"Na fiestra, a outa noite"

Van as nebras ó ras da Lucenza
Alumean os chotos no Chao do Longo
Brilan os bargos no Taro Branco
Oulan os lobos nos Focaros
Laia o apertador no Val Arcón
Aturula a curuxa na Serelluda
Oise ó lonxe o ruxir das fontes.



No poema aparecen condensados todos os elementos característicos do paisaxismo: fenómenos meteorolóxicos (nebras), sons (fontes), flora (chotos) e fauna (lobos, apertador, curuxa), todos eles característicos do Courel. Os verbos que utiliza ( van, alumean, brilan, oulan, laia, oise) expresan unha natureza chea da vida.