martes, 27 de abril de 2010

Novoneyra na literatura galega

Uxío Nonoveyra forma parte da Xeración dos 50 ou das Festas Minervais. Pertencen a esta xeración os nacidos entre 1930 e 1940 polo que non chegaron a vivir a guerra, xa que tiñan unha idade moi temperá. Aínda así senten grande interese pola cultura europea da época e toman conciencia coa realidade española que lles tocou vivir. Déronse a coñecer a través de certames literarios denominados Festas Minervais, concurso celebrado en Santiago que premiaba obras de literatura en galego. Algúns colaboraron no diario santiagués La Noche e no Grupo Brais Pinto, grupo formado en Madrid en 1958 por intelectuais e escritores galegos emigrados de ideoloxía de esquerda e nacionalistas, que funda a colección Illa Nova - Galaxia- para editar as súas creacións. Podemos dicir que os autores da Xeración do 36 e os escritores de Galaxia foron os seus mestres. Os autores desta xeración tratarán diferentes temas na súa poesía, que farán incluír as súas obras dentro da corrente coñecida como Escola da Tebra, corrente formada por autores e autoras nacidas entre 1930 e 1940, que, como xa dixemos antes, non viviron tan intensamente a guerra civil, mais si sufriron as crueis consecuencias dunha interminable posguerra. A poesía que predomina é intimista -existencial cun gran pouso de pesimismo e os temas son: a morte, a soidade, a desesperanza, o paso do tempo...
Dentro desta xeración tamén falamos de Socialrealismo, iniciado por Celso Emilio Ferreiro, poesía de compromiso e denuncia social con temas como a opresión, falta de liberdade, o sentimento de Galicia ... O paisaxismo é outra corrente que destaca. Aquí os poemas falan da integración do home coa natureza, do home en plena soidade... e na que destaca Novoneyra con poemas como os que aparecen en Os Eidos.
Foi, en resumo, unha xeración moi posicionada ideoloxicamente e que asume compromisos políticos fortes encamiñados a romper co galeguismo culturalista e reconstruír o nacionalismo político activo.

TEMAS DA SÚA POESÍA:

AMOROSO:
"Muller pra lonxe"

Canto para ter favores de Venus

CÁNTOCHE aposta para ter os teus favores deusa
gran cousa é abondar o teu seo a vrao vido
namais chegarlle terte a toda ti por beira
xa señas nova e noiva de en por hoxe
xa señas diaria miña sola sempre.

Longuismo labiolingua lambe lua
sal quente e nembro a nembro atopa todo
para perdelo e volver de novo novamente
clameando chamando en chama pedindo
un novo intre aquíl tan prometido
cando eramos ninos do sol soltos polos soutos
perdidos e certismos de atoparte oh núa.





Este é un poema erótico no que Novoneyra provoca no lector sensacións visuais de movemento e posturas mediante o uso repetido de fonemas bilabiais e a distribución dos versos dependendo do seu contido, é dicir, facendo "imaxes" cos propios versos.

" Biquei..."

BIQUEI sua tristura i atopei os labios.
Na aperta prendémolo Mundo.



Este poema amoroso reflicte moita paixón. A palabra BIQUEI atópase en maiúsculas, o que lle aporta máis sentimento ao poema.

" Nada"

NADA vin ten belido
nin o outono da faia.

O poema compara a beleza dunha muller coas faias no outono, xa que esta época estaba dominada pola tristeza e as follas da faia énchena de luz e alegría. Representa a comuñón perfecta entre o home e a natureza. É un piropo moi bonito,xa que para Novoneyra as faias eran unha das súas árbores favoritas da paisaxe do seu Courel, da súa terra.

SOCIOPOLÍTICO:

"Letanía de Galicia"

GALICIA digo eu ún di GALICIA
GALICIA decimos todos GALICIA
hastr’os que calan din GALICIA
e saben sabemos

GALICIA da door chora á forza
GALICIA da tristura triste á forza
GALICIA do silencio calada á forza
GALICIA da fame emigrante á forza
GALICIA vendada cega á forza
GALICIA tapeada xorda á forza
GALICIA atrelada queda á forza

libre pra servir libre pra servir
libre pra non ser libre pra non ser
libre pra morrer libre pra morrer
libre pra fuxir libre pra fuxir

GALICIA labrega GALICIA nosa
GALICIA mariñeira GALICIA nosa
GALICIA obreira GALICIA nosa
GALICIA irmandiña
GALICIA viva inda

recóllote da TERRA estás mui fonda
recóllote do PUEBLO estás n’il toda
recóllote da HISTORIA estás borrosa

recóllote i érgote no verbo enteiro
no verbo verdadeiro que fala o pueblo
recóllote pros novos que vein con forza
pros que inda non marcou a malla d’argola
pros que saben que ti podes ser outra cousa
pros que saben que o home pode ser outra cousa

sabemos que ti podes ser outra cousa
sabemos que o home pode ser outra cousa

Este poema fala da represión que padeceu Galicia, tanto pola persecución que sufrían algunhas persoas pola súa ideoloxía, como pola opresión á que se vía sometida a súa lingua. Vémolo reflectido no poema en palabras como: calan, door, choran, tristura, silencio, vendada, cega, tapeada, xorda, atrelada, morrer, fuxir...
É un canto á liberdade dirixido á xente do común, como o demostran as palabras: labrega, mariñeira, obreira, irmandiña... palabras que recordan a realidade galega, ás persoas que facían a nosa patria e loitaban por cambiar a situación.

"Vietnan Canto"

CUMES CUMES CUMES COM’ESTES ECHEN
UNHA VEZ POR CADA MORTE
VIETNAMMMMMMMMMM
VIETNAMMMMMMVIETNAMMMMMMMMMM
VIETNAMMMMMMMMMM
metan na casa a verba na cociña na mesa na cama xa está
e calar calarcalaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaarrr
hastr’o berro que te acusa USAUSAUSAUSAUSAUSAUSA
un
morto
dous mortos
tres / trinta mortos
trescentos / tres mil mortos
OFENSIVA DO TEIT 22000 / 100000 mortos
tódalas os se volven ceros 00000000000000000000
baixo de cada un 10 / 100 / 1000 / 10000 mortos á máquina
difuntiños que a noite acolle entre cañas baixo o torbón
do monzón
na lua do TEIT

dá vergonza vivir
dá vergonza estar vivo e ver a PRIMAVERA

cándo remata un pobo?
un pobo nace sempre
non remata nuncanuncanuncanuncanuncanuncanunca
seino por vós
pobo como o meu
GALICIA pequeniña
sola cousa de todos
mortos mortos
mortos mortos
mortos mortos
mortos mortos
mortos mortos
mortos mortos
mortos mortos
mortos mortos
mortos mortos
mortos mortos
mortos mortos
mortos mortos
mortos mortos
mortos caindo polos teletipos
lúas de LI PO afondadas pra que a lus seña a A de
LIBERTÁAAAAAAAAAAAAAAAAAA
ouh cánto teño de vós pequeno que son de esta paz morta
noitenoite
partir esta n / o / i / t / e en anacos
que en cada un só quepia un home
en

entran nas cidades do SUL ESTE lonxe
e xa todas son a aldeiña dó lado
HUE SAIGON DANANG
con irmaos e parentes meus
galegos de a diario
mais que nono esqueceron como nolo esquecemos
tanto que ás veces perto chaman home
e
ollamos por quén.
non son eu tamén
quen eiquí quedo
que estou matando eilí
luxando GALICIA como luxan
KANSAS NEW JERSEY CALIFORNIA COLORADO
IOWA
nomes tan limpios?
perdón por esta paz
PAZ en carteles xunto a COCACOLA
PAZPAZPAZPAZPAZPAZPAZPAZPAZPAZPAZPAZ
pra tapar tanto tanto
muro
valeiránnolos nomes
mais inda
indainda pobo
podo decir o teu con forza
inda se pode decir o teu nome dos que alá cain
podemos
deles temos de novo nome:
home pobo
/ MARÍA MARIÑO dinamiteira da FALA /
home- pobo
home- pobo
aquíl por siglos foi un pobo como é o meu
o meu por anos foi un pobo como é aquíl
IRMANDIÑOS DE GALICIA VIETCONG
entre miña mai ANA amos iles
entre iles amor ANA ti
tres estudiantes en LUGO sin os nomes
en VIGO MÉNDEZ FERRÍN co’il
e vós MARÍA MARIÑO CHÉ bágoas 1967
non
eu sei que cantar non é igoal
perdón tamén por iste tempo cas palabras
anque sinceiras tein tarde polos lados
e puntos suspensivos calcados do refrigerados dun cañón
……………………………………………………………
o canto parou sin rematar



Este poema continúa manifestando a represión á que estaba sometida Galicia e a loita que tiveron que levar a cabo escritores e outros galegos e galegas para intentar vencer esta situación. O poeta elixe unha guerra, a guerra de Vietnam, para denunciar as atrocidasdes alí cometidas -como en todas as guerras- . Con esta "letanía" transmite as plegarias das xentes, a situación producida por esta guerra, o absurdo dun mundo que permite estas atrocidades... Isto observámolo na distribución das estrofas, na agrupación da palabra MORTOS en dúas columnas para facer máis insistente a idea de todas as vidas perdidas, na ausencia de signos de puntuación que dá unha sensación de repetición, de insistencia no tema; no uso de maiúsculas, que serven para destacar o nome dos reivindicadores da lingua galega, entre eles, María Mariño, que por ser unha das mariores representantes aparece en maiúsculas para que á hora de recitar o poema, o seu nome soe forte, como se se tratara dun berro de loita; para agradecerlle o seu labor. O poeta fai unha reivindicación da PAZ -as maiúsculas volven aparecer para destacala-e unha denuncia aos países que "prefiren" a guerra, de aí que a palabra USA a apareza reiteradamente para chamar a atención dos lectores.

PAISAXISMO OU POESÍA DA TERRA:

En Os Eidos temos exemplos de todo o que imos atopar dentro da temática paisaxísticaNovoneyra.

COUREL dos tesos cumes que ollan de lonxe!
Eiquí síntese ben o pouco que é un home...
Este poema inicia a obra e representa a unión perfecta entre o home e a natureza. Unión da que sae vencedrora sempre a última. A inmensidade da paisaxe fai que o home se sinta pequeno e só.

Neva no bico do cume
neva xa pola ladeira
neva no teito e na eira
............................................
...........................................
...........................................

Eu a ollar pro lumei o lume a ollarme.
O lume sin queimarme
fai de min fume...

Neste poema aparece un fenómeno meteorolóxico, a neve, que representa unha estación que dura moito nesta serra, como amosan os puntos suspensivos que parecen deter o tempo... Os homes, nesta época, deixan os traballos de fóra e recóllense nas casas. Aí aparece outro elemento máis, o lume, que, unha vez máis, gaña ao ser humano.

PRIMACHORROS brancos
panqueixo i amarguexos!
Argana polos barrancos!
Folla podre nos reprexos!

Alguén está
niste aire da mañá.

Cotolovíos
ouriolos tordos merleaos!
Paxaros e paxariños polos ríos
polo souto e polos chaos
e bandadas e bandadas
de estorniños polas labradas.

No poema aparecen numerosas referencias á flora e fauna do Courel, que sinalamos en verde e vermello respectivamente para que sexa máis fácil identificalos e ver como toda a paisaxe do poeta está chea de vida.

"Cousos do lobo"

COUSOS do lobo!

Caborcos do xabarín!
Eidos solos
onde ninguén foi nin ha d´ir!

O lobo! Os ollos o lombo do lobo!

Baixa o lobo polo ollo do bosco
movendo nas flairas dos teixos
ruxindo na folla dos carreiros
en busca da vagoada máis sola e máis medosa...

Rastrexa
párase e venta
finca a pouta ergue a testa e oula cara o ceo
con toda a sombra da noite na boca.

Neste poema vemos unha perfecta descrición da serra do Courel ( cousos, caborcos, bosco, teixos, ceo) na que o lobo é o rei, o amo. Novoneyra quere transmitir medo, o que consegue mediante o FONOSIMBOLISMO, que neste caso recae na repetición da vogal posterior velar O.

"O canto do paxariño"

No bicarelo do bico do brelo canta o paxariño.
No mesmiño bicarelo do bico do brelo.


Con este poema, o poeta transmite esa vida, esa alegría que contaxía o son dos paxariños anegando toda a natureza de luz.

"Na fiestra, a outa noite"

Van as nebras ó ras da Lucenza
Alumean os chotos no Chao do Longo
Brilan os bargos no Taro Branco
Oulan os lobos nos Focaros
Laia o apertador no Val Arcón
Aturula a curuxa na Serelluda
Oise ó lonxe o ruxir das fontes.



No poema aparecen condensados todos os elementos característicos do paisaxismo: fenómenos meteorolóxicos (nebras), sons (fontes), flora (chotos) e fauna (lobos, apertador, curuxa), todos eles característicos do Courel. Os verbos que utiliza ( van, alumean, brilan, oulan, laia, oise) expresan unha natureza chea da vida.

martes, 20 de abril de 2010

Se che entra a fame no Courel ...

A gastronomía das terras do Courel é moi rica e variada, pero, ao mesmo tempo é sinxela e natural. Tanto nas casas de turismo rural como nos restaurantes, e nas casas particulares podemos encontrar todos aqueles produtos relacionados con derivados do porco (chourizo, xamón, salchichón, lacón, touciño,...), excelentes carnes de gando vacún, cabrito, cordeiro, caza maior (xabarín e corzo). Tamén destacan a excelente calidade das verduras (“os grelos”, verzas) e o pan feito con trigo colleitado na zona. No outono todo se pode comer con castañas do Courel, que a pesar de ter un tamaño inferior ás das que se poden atopar noutras zonas, o seu sabor é moi superior. Pódense comer cocidas ou asadas (é o tradicional magosto que anualmente se celebra no mes de novembro, alternativamente en Seoane- anos impares- e Folgoso- anos pares-). Os postres do Courel tamén se derivan de productos naturais da zona, tales coma “as filloas con mel”, o roscón (faise con fariña de trigo e ovos das galiñas da casa), o que lle dá un sabor moi especial. Tamén son moi importantes os postres derivados das castañas, como a tarta de castaña.

Se sodes golosos, podedes consultar estas páxinas:

Que vos aproveite!!! E esperamos comentarios que sigan facéndonos a boca auga.
Autoras: Mª del Carmen Calvo Gómez, Andrea Castro Valero, Sonia Durán Sierra e Ada Yanes Penabad.

A Terra de Uxío Novoneyra

A Serra do Courel



Na serra do Courel existen dúas tendencias climáticas, a atlántica e a mediterránea, con fortes variacións de temperatura no verán e no inverno.

Agora imos ver os distintos aspectos que posúe esta serra e as súas características:

Xeoloxía: Os materiais máis frecuentes son as pizarras e as areniscas, aínda que os relevos que resaltan na paisaxe son bancos de cuarcita e caliza gris, que permiten a formación de covas.

Relevo: As zonas altas da Serra, presentan un perfil chan debido á erosión. Estas elévanse a máis de 1000 m. sobre os vales. A serra do Courel é unha das zonas de Galicia onde mellor se aprecia a pegada dos glaciares.

Flora: A alternancia de solos e o clima húmido de montaña permite unha rica variedade de plantas, que se establecen segundo a altitude.
É a reserva botánica máis importante de Galicia. Ás beiras das madres fluviais, encontramos as devesas, bosques de especies autóctonas que no Courel alcanzan a súa máxima expresión na Devesa da Rogueira. Castiñeiros, carballos, aciñeiras, teixos, bidueiros, acivros, xestas, albedros, codesos... Un verdadeiro paraíso para o amante da natureza. De entre todos destacamos o castiñeiro, sempre presente en todos os nosos percorridos.

Fauna: A gran diversidade de hábitats existentes na Serra convértena nunha paraxe natural con lugares de importante interese biolóxico, cun censo de vertebrados dos máis ricos do noroeste da Península Ibérica.
Raposos teixos, martas, corzos, xinetas, armiños... todos eles teñen o seu sitio no Courel. Desde as árbores, seremos observados polo moucho real. No aire, gozaremos cos maxestuosos voos do águia real e a culebreira, ademais do azor e varias especies de aguiachos.

Dentro da Serra do Courel, destacamos un bosque en concreto que será moi importante na vida de Novoneyra: a Devesa da Rogueira.

Devesa da Rogueira : é a reserva botánica máis importante de Galicia. Situada no corazón da serra e rodeada polos cumes do Alto do Coto e de Formigueiros, é ruta obrigada para todo o que se adentre por primeira vez no Courel. Aínda que pequena na súa extensión, 200 hectáreas, esta devesa alberga multitude de especies arbóreas que non permiten entrar os raios do sol.

Exemplares de todas as idades e tamaños que creceron nesta reserva, e que, grazas á súa propia humidade e as madres que a percorren, fuxiu sempre dos incendios. Existen varias opcións para percorrer a pé a Devesa, pero escollemos esta, xa que é a que imos facer na nosa excursión. Aquí tedes unha páxina onde ven a ruta explicada paso a paso :
http://www.jrcasan.com/rutasc/Rueda/Rogueira/rogueira.htm

A importancia da Devesa de Rogueira para Novoneyra, reflíctese neste poema:


"DEVESA DA ROGUEIRA"

BIDUEIROS cimeros!
Pena das Augas!
Xardois teixos
Rebolos tocos
faias derrumbadas!
Camiño da Veneira!
Carreiro de dez regueiros!
Cereixas de carnabudo!
Abrotias abrairas
pincheiras e pincheiras!
Eiquí sempre foi bosque ...
Ruxir sol
da fonte do corzo!
Barbas do mofo
pingando dos toros!


Autoras: Mª del Carmen Calvo Gómez, Andrea Castro Valero, Sonia Durán Sierra, Ada Yanes Penabad.

lunes, 19 de abril de 2010

Etapas da vida de Novoneyra

Uxío Novoneyra nace na aldea de Parada de Moreda - serra do Courel. Lugar que deixará unha pegada importante nas súas obras poéticas polas experiencias vividas alí- o 19 de xaneiro de 1930 e morre en Santiago de Compostela o 30 de outubro de 1999.
Viviu nun tempo difícil no que a situación política era a seguinte:
-No 1936 estoura a Guerra civil e apróbase o Estatuto de Autonomía no "goberno do exilio".
- Ditadura e anos de represión. Péchanse editoriais, revistas, xornais... e a nosa lingua prohíbese. Os escritores só teñen dous camiños: o "exilio interior" e o "exilio exterior".
-En 1950 o réxime franquista estabilízase internacionalmente. Morre Castelao e desaparece o PG. Pero rexurde a conciencia "galeguista". Comezan a aparecer editoriais como Benito Soto, Bibliofilos Gallegos e nace a editorial Galaxia que lle dá un respiro ás nosas letras porque arredor dela móvense moitos intelectuais que teñen a Galicia e á lingua como elementos a defender.
-Na década dos 60 aparece un novo nacionalismo político (PSG, UPG).
-No ano 1975 morre Franco e chega a democracia.
-En 1978 apróbase a Constitución Española, no 1981 o Estatuto de Autonomía e no 1983 a Lei de Normalización.

ETAPAS
Novoneyra levou o seu Courel consigo, estivera onde estivese, pero cando viviu noutros lugares coñeceu a amigos que o axudaron a formarse como escritor e persoa.
LUGO
Coñece ao escritor da Terra Chá, Manuel María (1929-2004)

Muiñeiro de brétemas (1950) peza inaugural da Escola da Tebra e á que seguen Morrendo a cada intre, Advento (1954) nas que aparece unha visión atormentada da existencia. A partires de Documentos persoais (1958) comeza coa poesía social e cunha denuncia explícita da situación de Galicia, sen esquecer a retranca e o humor. Denuncia que se fai directa en Laio e clamor pola Bretaña (1973). Cultiva a poesía paisaxística en Terra Chá (1954); e a intimista en A primavera de Venus (1983).


OUTONO

Galicia é un Outono puro e bon,

un río que decorre mansamente,
lume abrasador, fértil semente,
futuro presentido e en sazón.
E foi labrando o tempo-luz-paixón,
o seu ser escuro e trascendente,
luíndo o corazón de toda a xente
e conformando a terra e o terrón.
Galicia é unha agarda moi madura
que non permite prazos, dilacións,
estancamente, freo ou coutadura.
¡Abonda xa de laios e cancións!

¡Non queremos ser ríos de tristura
correndo pola vida a tropezóns!
O idioma somos nós, pobo común,
vencello que nos xungue e ten en pé,
herdanza secular de cada un,
fogar no que arde acesa a nosa fe.

En Lugo tamén coñece a Ánxel Fole (1903- 1986), escritor que viviu tempadas no Incio e en Quiroga, terras próximas ao Courel.


Novoneyra deixa testemuña da amizade con este autor no poema que titula
"ÁNXEL FOLE SEGÚN MASIDE"
OLLOS de cinsa e nebra
chegados da tebra!
Ollar antigo e novo! Ollar
que pon un manto ó pousar!
Ollar que neva!
Ollar que leva
e sabe o que se sabe
e canto en nós cabe!
Ollar aberto que abre
e tenta o couto do inralvabre!
Ollar que pergunta clamea di:
Non podo non ser nin ser así!

COUREL
-No ano 1947 iniciou unha profunda relación persoal con María Mariño, que deixará unha forte pegada na obra de ambos. A poetisa pertence á xeración do 36 escribindo obras de carácter intimista como Palabra no tempo (1963) e Verba que comeza.(1967), na que destaca a comuñón do ser humano coa natureza e a "súa" morte presentida.

A MARÍA MARIÑO

CÁNTOS outonos e longos invernos
pasando a ollada-espello a espello-

da coor dos teus ollos a coor do ucedo!







Máis tarde, o feito de regresar ao Courel motívao a escribir en galego publicando Os Eidos.
No Courel casa por segunda vez cunha moza chamada Elva Rei, á que lle dedica poemas como ”A Elva que veu pro Courel” en 1981,en Os eidos e coa que terá tres fillos.

NEVA
e non leva.
Todo un tempo a un ora.
.......................................
Cai a neve a plomo
como
nun ámeto pechado
cai a neve fora.
....................................
Xa non se oi o río.
Vai nacer outro Uxío
pra que siga o Pasado.

Madrid:

Nesta cidade entra en contacto co grupo Brais Pinto ( R, Patiño, C. Arias, Bautista Álvarez, X.L. Méndez Ferrín, B. Álvarez, “Foz” e Manuel María), que era un grupo de estudantes e novos traballadores galegos de ideoloxía esquerdista que editaron unha colección de poesía chamada Illa Nova onde publicaban as súas obras.


Tamén se relaciona co pintor Tino Grandío e con Reimundo Patiño ao que lle dedicará algún poema. Proba da relación que existiu entre o poeta e os artistas están os obras pictóricas que vos ofrecemos.

GRIS- GRANDÍO
Nun chover por siglos
todo foise esluíndo...
( 1963)

Tino Grandío (Retrato de Novoneyra):



















Pintura de Reimundo Patiño:



Nos anos que pasou en Madrid, Novoneyra obtén a fama de "decidor" nas aulas universitarias. O seu pensamento comeza a cambiar e "o noso pobo, convértese en fala". A partires de aí, a defensa dos nosos autores, da nosa patria, da nosa identidade como persoas desta vella nación europea estará presente.



Santiago


Carlos Maside:
















Ramón Piñeiro
(1915-1990):

Ramón Piñeiro é un dos galeguistas históricos máis importantes do século XX. Foi un dos fundadores, e un dos primeiros directores da editorial Galaxia e da revista Grial. Politicamente foi membro das mocidades galeguistas e do partido galeguista e deputado do PSG- PSOE.
A súa principal actividade foi a de intentar desposuír ao galeguismo do seu compoñente político para centralo no compoñente cultural (o que se chamou "piñeirismo"). Apelou a saudade, a paisaxe e ao humor como fundamentos da identidade dos galegos e a verdadeira esencia de Galicia. Escribiu moitos ensaios, entre os que destacamos Da esencia da verdade.

José Otero Abeledo alcumado como Laxeiro(1908-1996):
A súa infancia rural está presente na súa pintura que coñece tres etapas: a primeira reflicte os mundos da ensoñación cun estilo moi barroco no que predominan as cores ocres. Na segunda, máis intensa e personal, alterna o folclórico e o relixioso, dende unha visión persoal. A terceira etapa achégase a modos postcubistas, de clara raíz picassiana.

(retrato de novoneyra feito por Laxeiro)

martes, 13 de abril de 2010

A Paisaxe de Novoneyra: Flora e Fauna

A paisaxe está moi presente na obra de Novoneyra. En Os Eidos podemos atopar múltiples referencias á flora autóctona da súa terra, que nos sitúan nun ambiente enxenbre, rural e cheo de sentimento. Pero tamén son abundantes as alusións aos animais que conforman a fauna do Courel, que, ademais, son un vehículo de expresión de certas metáforas e mensaxes.

A FLORA NOS POEMAS DE UXÍO:

Deseguido expoñemos uns videos que vos achegarán ás arbores que aparecen maioritariamente en Os Eidos, acompañados de imaxes e exemplos dalgúns versos que recollemos dos seus poemas:

- carballo:



-faia:



-abraira:



-freixo:



-nogueira:



- xesta:



-castiñeiro:



-fentos:



-hedra:



-xunco:



-cerdeira:



A paisaxe compleméntase coa fauna, e aí van exemplos da FAUNA que aparece na poesía de NOVONEYRA.

-touros e bois:



-lobo:



-xabarín e cocho:



-cordeiros, ovellas e cabras:



-anduriñas:



-cuco:



-galo:



-abella:



-tordo:



-curuxa:



-chicharra:



En todos os poemas de Os eidos está presente a paisaxe que marcou ao poeta. En todos se respira O Courel.

Dende aquí animámosvos a que continuedes achegando máis exemplos da flora e fauna que aparecen na poesía de Novoneyra.

Autoras: Mª del Carmen Calvo Gómez, Andrea Castro Valero, Sonia Durán Sierra e Ada Yanes Penabad.

miércoles, 7 de abril de 2010

BIOGRAFIA

E agora se queres coñecer a árbore que rexe a túa vida, mira o video.


lunes, 22 de marzo de 2010

Uxío Novoneyra - Bibliografía


Novoneyra


Na súa poesía hai diferentes tipos:
· A paisaxística, á que pertencen obras como Os Eidos (1955) ou Elexías do Courel e outros poemas (1985). Trátase dunha poesía de grande complexidade, expresada en composicións que transmiten a soidade da persoa en contacto coa natureza da súa terra, o Courel.
· A poesía social, de carácter político e reivindicativo, á que pertencen os poemas: "Viet Nam canto" (canto de denuncia á guerra dos Estados Unidos en Vietnam) ou "Letanía de Galicia." A poesía social está recollida nos libros Poemas caligráficos (1978) ou Do Courel a Compostela (1988).
· Poesía amorosa, reunida no libro Muller pra lonxe (1986).
Os poemas de Novoneyra son composicións breves, de grande intensidade. Novoneyra, aínda que empezou escribindo en lingua castelá, foi un dos máis grandes escritores que deu a terra meiga (Galicia). Soubo cantar ao silencio, as néboas e as choivas como nunca ninguén o fixo antes, soubo expresar as sensacións que producen esas situacións.

CALIGRAMAS E ERGOGRAFÍAS (PINCHADE NA IMAXE)


Bibliografía

- Abrojos (1948)

- Os eidos (1955)

- "Elegias del Caurel" y otros poemas (1966)


- Poemas caligráficos (1979)

- Os Eidos. Libro do Courel (1981)

- Muller pra lonxe (1987)

- Bazterrak Os Eidos (1987)

- Do Courel a Compostela 1956-1986 (1988)

- O cubil de Xabarín (1990)

- Tempo de elexía (1991)

- Gorgorín e Cabezón (1992)

- Poemas de doada certeza i este brillo premido entre as pálpebras (1994)

- Camelio xaponés – Watsubaki (1995) (Xaponesa) (para a que Novoneyra traduciu sete versos xaponeses (xiikas) de Ayako Sugitani, á vez que esta traduciu ao xaponés tres poemas de Novoneyra)

- Betanzos: Poema dos Caneiros e Estampas (1998)

- Dos soños teimosos Noitarenga (1998)

- Ilda, o lobo, o corzo e o xabarín (1998)

- Onde só queda alguén para aguantar dos nomes (1999)

- Arrodeos e desvíos do Camiño de Santiago e outras rotas (1999)

miércoles, 17 de marzo de 2010

O fonosimbolismo en Os Eidos

O Fonosimbolismo é a evocación de sensacións non auditivas a través da
expresividade dos fonemas. É unha característica da poesía de Uxío Novoneyra e en particular da súa obra Os Eidos.

Tipos de fonosimbolismo:

-Aliteración do O e U: estes dous fonemas posteriores ou velares aparecen relacionados co tema da escuridade, coa sensación do medo e con elementos nocturnos como a curuxa e o lobo. Exemplo:
MORA o lobo no Fedo
na Lamelalonga nos prados
do Noval súa comba
da pena na Poxa
da Lomba
nos eidos máis pechos e calados
onde ninguén o oxa.
Neva no Chao do Toxedo
e nos Carboeiros.
Andan os lobos xagueiros
polas virtas do xestedo.

-Aliteración do A e E: estas vogais anteriores ou palatais transmiten un efecto de brancura e claridade. Exemplo:

MAÑAS de xeada!
Despertar co día á ventana.
Encollerse na cama
chegar a roupa á cara
i oir andar tropeando pola casa...
Canta a vaca
cas astas na'scada.

-Aliteración do fonema anterior ou palatal/i/: recorda as cousas pequenas como o piar dos paxariños. Exemplo:

A branca-Petra do Courel.
NO bicarelo do bico do brelo
canta o paxariño.
No mesmiño
bicarelo do bico do brelo.




Neste exemplo a aliteración do fonema bilabial sonoro /b/ tamén axuda a evocar o piar dos paxariños.

-Aliteración dos fonemas oclusivos xordos /p/ /t/ e /k/ axudan a reproducir certos sons. Exemplo:

CANTA o cuco cala e canta
dos castiñeiros do val.
Pasa o tempo e non di nada
e volta o cuco a cantar.

-Aliteración de fonemas fricativos coma /Ө/, /s/, /š/ e /f/ reproducen sons, tales como o zoar do vento ou o caer da chuvia. Exemplo:
ZOA o vento e relumbra polas uces.
Sai o sol e súmese nas nebras.
Polos montes baixan e ruben
sombras longas resgadas e negras...




Os lectores do noso blog e da poesía de Novoneyra poden deixar máis exemplos do fonosimbolismo no taboleiro de comentarios. Non vexades o que nos alegraremos cos vosos comentarios. Grazas.